William King Gregory
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de maio de 1876 Nova York, Estados Unidos de América |
Morte | 29 de decembro de 1970 (94 anos) Woodstock, Estados Unidos de América (pt) |
Educación | Universidade de Columbia - Doutor en filosofía |
Actividade | |
Campo de traballo | Zooloxía |
Ocupación | paleontólogo, zoólogo, profesor universitario |
Empregador | Universidade de Columbia Museo Americano de Historia Natural |
Membro de | |
Participou en | |
11 de febreiro de 1925 | The Arcturus Oceanographic Expedition (en) |
Obra | |
Abreviatura do autor en zooloxía | Gregory |
Arquivos en |
William King Gregory, nado en Greenwich Village, condado de Washington, no estado de Nova York, o 19 de maio de 1876, e finado en Woodstock, condado de Ulster, do mesmo estado, o 29 de decembro de 1970, foi un zoólogo estadounidense coñecido como primatólogo, paleontólogo e morfólogo funcional e comparativo. Foi un experto na dentición dos mamíferos e un importante contribuinte ás teorías da evolución. Ademais foi un profesor que destacou na presentación das súas ideas aos estudantes, e ao público en xeral, a través de libros e obxectos expostos en museos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Gregory era fillo de George Gregory e Jane King Gregory. Asistiu á Trinity School e, en 1895 ingresou na Universidade de Columbia, estudando inicialmente na Escola de Minas, pero despois pasou ao Columbia College, onde se especializou en zooloxía e en paleontoloxía de vertebrados baixo a dirección de Henry Fairfield Osborn. Sendo aínda estudante foi nomeado axudante de investigación de Osborn e, pouco despois, casou con Laura Grace Foote. Graduouse en Columbia en 1900, facendo un máster en 1905 e acadando o título de doutor en 1910.
Carreira académica
[editar | editar a fonte]Amosou moi cedo un grande interese polos peixes e os vertebrados terrestres, publicando varios artigos sobre ambos os grupos, entre eles dous na revista Science en 1903. A altura do 1911 centrou os seus intereses na palentoloxía dos anfibios, publicando un artigo sobre a estrutura das extremidades do xénero Eryops, do Permiano. A pesar da súa pesada carga de traballo foi tamén editor do American Museum Journal (que máis tarde se convertería en Natural History). en 1911 Foi nomeado formalmente membro do persoal científico do American Museum of Natural History (Museo Americano de Historia Natural) e, en 1916, pasou a formar parte do profesorado da Facultade de Ciencias da Universidade de Columbia, chegando eventualmente ao posto do profesor Da Costa no Departamento de Zooloxía. Entre os seus estudantes que logo se fixeron famosos destacan Alfred Romer, James Chapin e G. K. Noble. Destacou así mesmo no Museo, no que foi conservador de tres departamentos e director de dous.
Aínda que o ámbito do seu traballo foi moi amplo, o foco primordial estivo na anatomía comparada. Moitos dos seus estudos tiveron unha importancia especial no campo da evolución; cría que as estruturas anatómicas dos fósiles e das especies viventes deberían reflectir as súas relacións. Realizou importantes traballos sobre a evolución desde os primitivos peixes até as distintas ramas de aves e mamíferos, publicando numerosos artigos e dúas grandes obras: Our Face from Fish to Man (1929) e Evolution Emerging (1951).
Gregory desenvolveu o principio de habitus and heritage (de hábitos e herdanza), teorizando que os animais evolucionaron con dous conxuntos de características: as características de herdanza, que derivan dunha longa historia evolutiva, e as características de hábitos, que son adaptacións ao medio en que a especie en cuestión existiu. Máis tarde ampliou este principio coa súa teoría do palimpsesto, na que propuxo que os caracteres do hábito a miúdo superpóñense e ocultan as características da herdanza. Unha teoría similar de bioloxía evolutiva, a chamada evolución en mosaico, xurdiu despois da súa morte.
Estudou os lémures e os primates insectívoros e ás súas orixes evolutivas, describindo en 1910 as ordes dos erinaceomorfos e os soricomorfos, e en 1915 a infraorde dos tarsiiformes. Desde a década de 1920 participou no estudo dos marsupiais, e en 1947 desenvolveu a súa teoría do palimpsesto que mostra unha conexión entre os monotremas e os réptiles primitivos. Ao redor de principios de 1920 tamén se interesou na evolución humana recente, particularmente despois do descubrimento dos primeiros homínidos africanos. O seu coñecemento especializado da dentición dos mamíferos levouno a seguir o mesmo camiño con respecto á evolución humana, chegando a ser considerado como o principal experto mundial na evolución da dentición humana, unha reputación asegurada pola publicación en 1922 de The Evolution of the Human Dentition. Talvez, a pesar de que se pensaba que era unha falacia, o home de Piltdown parece que é xenuíno.[1]
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Retirouse do American Museum of Natural History en 1944, e da Universidade de Columbia en 1945, trasladose permanentemente a vivir na súa casa en Woodstock, Nova York, coa súa segunda esposa Angela, coa que casara pouco despois da morte de Laura en 1937.
En 1949 foi galardoado coa Viking Fund Medal[2] polas súas achegas á antropoloxía física.
Faleceu na casa de Woodstock o 29 de decembro de 1970.
Obras destacadas
[editar | editar a fonte]- 1922. The Evolution of the Human Dentition.
- 1929. Our Face from Fish to Man.
- 1951. Evolution Emerging.
Abreviatura
[editar | editar a fonte]A abreviatura Gregory emprégase para recoñecer a William King Gregory como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ William King Gregory (1914). "The Dawn Man of Piltdown, England". American Museum Journal (American Museum of Natural History). Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2007. Consultado o 26 de febreiro de 2016.
- ↑ A Viking Fund Medal é un premio anual outorgado pola Wenner-Gren Foundation for Anthropological Research para distinguir investigacións ou publicacións no campo da antropoloxía.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: William King Gregory |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Edwin H. Colbert (1975): National Academy of Sciences : Biographical Memoirs V. 46. Chapter: 4. William King Gregory, pp. 97–106.